viernes, 13 de noviembre de 2009

A Concellaría de Cultura organiza o ciclo “Poetas di(n)versos”



A Coruña, 10 de novembro de 2009- A concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, presentou a iniciativa “POETAS DI(N)VERSOS”, un ciclo de poesía onde a literatura actual das 5 linguas da Península pasa pola Coruña nunha programación cíclica estable. A poetisa Yolanda Castaño será a encargada de dirixir o ciclo.

A Concellaría de Cultura ofrece a mellor poesía escrita en galego, castelán, catalán, euskera e portugués. Os poetas vivos de maior prestixio nunha cita mensual co público coruñés. A posibilidade de desfrutar da poesía máis recoñecida, ofrecida polos seus autores/as en vivo e en directo. A mellor maneira de alimentar o gusto literario e de consolidar un público propio para a lírica de hoxe.

Os recitais realizaranse o terceiro martes de cada mes, ás 20:30 na Casa da Cultura Salvador de Madariaga e serán impartidos con dous poetas:

- un/ha deles, pertencente á máis recoñecida poesía feita en castelán, catalán, euskera ou portugués e,

- o outro/a, en galego, procurando a maior diversidade de rexistros, xeración ou xénero.


A programación deste primeiro trimestre é a seguinte:

- 17 de novembro: Luis Eduardo Aute e Lucía Aldao

- 15 de decembro: Luis García Montero e Luz Pozo Garza

- 19 de xaneiro: Joan Margarit e Xosé María Álvarez Caccamo

17 Novembro, 20:30 Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10)

No hay comentarios:

Publicar un comentario